Estes son os artigos que atopamos. Se non o atopas, escríbenos.
Pasión y Deseo
Pasión e desexo. Cantares, corpos e resiliencias no folclore andaluz é unha viaxe ás formas nas que a cultura popular andaluza foi —e segue sendo— un espazo de expresión e resistencia para as disidencias. Conxugando historia da arte, sensibilidade poética, investigación académica e memoria sentimental, Roy del Postigo desgrana os ecos dunha tradición que, máis alá de interpretacións erróneas e interesadas, foi refuxio e altar para quen habitou as marxes.
A figura de Isabel Pantoja, tonadilleira pola graza, o duende e o anxo de Andalucía, cuxa carreira musical corre paralela ás últimas cinco décadas da historia de España, convértese en punto de partida e faro. A voz da cantante de «Marinero de luces» ou «Se me enamora el alma» chama, en moitos dos seus temas, a quen se identifican coas murmuracións, o sinalamento, as críticas e a incomprensión.
Mariquitas de alfileres en peitos de divas virxinais, señoras dos seus labores que están atacás de tanto aguantar, sáficas amigas rocieras, trans-Maribelas, travestis da Nogalera e toda unha pléiade de feituras disidentes desde o Sur acompañan a Isabel no seu peregrinar de cantares feitos sendeiros de liberación.
Pero a historia non comeza nin remata con ela: o folclore do Sur xa tecía —e segue tecendo— unha bata de cola confeccionada con anhelos e xestos subversivos na pel de artistas como Lola Flores, Marifé de Triana, Diana Navarro, María Peláe ou Pastora Soler. Referentes musicais que foron e serán inspiración para transformistas como La Esmeralda de Sevilla, Satin Greco ou Jota Carajota.
Con grandes doses de erudición e unha arte que quita o sentío, Roy del Postigo ofrece unha obra na que o Sur non é só unha paisaxe de postal, senón unha potencia política, creativa e espiritual guiada polas Dolorosas andaluzas, folclóricas e subalternas.
Un libro que é, ao mesmo tempo, ensaio, altar de coplas e carta de amor a quen converteron a arte en liberdade. Porque nestes cantares a identidade bórdase con lentejuelas e pasease en procesión.