Estes son os artigos que atopamos. Se non o atopas, escríbenos.
El cuerpo de cristo
Cando Vera era nena, un demo rondaba a súa casa e acosaba á súa nai, martelándolle os nervios ata deixala na cama durante días. Entre sesións de “exorcismo” cunha meiga e visitas ao psiquiatra, ano tras ano, a superstición vai esvaecéndose ata dar paso ao diagnóstico. Pero, a pesar dos malos tratos, a enfermidade e as excentricidades, o vínculo entre nai e filla resiste ao tempo e á tormenta.
Realizada durante unha residencia na Maisons des Auteurs de Angoulême (Francia), El cuerpo de Cristo é, ante todo, unha declaración de amor dunha filla cara á súa nai, á que se ve obrigada a coidar demasiado pronto. Máis alá da vivencia íntima, é tamén o retrato tráxico e universal dunha muller atrapada nos papeis de filla, nai e esposa, nunha España patriarcal, pobre e católica.
A obra, asinada por Bea Lema, gañou o Premio Nacional del Cómic 2024, e foi recoñecida pola súa aposta formal, as súas texturas e composicións, o seu humor e a súa ollada poética, ademais da sensibilidade coa que aborda a saúde mental desde a experiencia propia e a reivindicación dos coidados.