De Gloria Fuertes perduraron na nosa memoria as súas aparicións en programas infantís e o seu valor como poeta, pero aínda permanece velada esa outra Gloria Fuertes, a que non saía nos medios, a que arrastrou os seus últimos anos en soidade escudándose nos seus pitillos, o seu whisky e a súa casa chea de obxectos que reflectían o paso e o peso dos anos. Unha Gloria Fuertes cansa de que se lle foran morrendo os amigos, as amantes, porque ela amou intensamente, aínda que iso non se contase. Gloria. A poeta dos amores prohibidos é unha obra colectiva coordinada por Lola Lapaz que recompila unha serie de testemuños que poden explicar como era, que pegada deixou na vida de moita xente e que supuxo a súa existencia como muller lesbiana nunha España na que esa palabra implicaba un estigma e un tabú. A historia real de Gloria Fuertes merece ser coñecida e reivindicada, para que outras persoas poidan verse reflectidas tamén na súa figura.