Que ten a figura de José Pérez Ocaña que, corenta anos despois da súa morte, segue a espertar admiración? Ocaña. O eterno brillo do Sol de Cantillana é un volume colectivo coordinado por Carlos Barea que trata de responder a esta pregunta a través dunha mirada multidisciplinar á vida e á obra dun dos artistas máis destacados da contracultura catalana de finais dos anos setenta e principios dos oitenta. Coa intención de botar algo de luz sobre un personaxe do que moito se dixo pero pouco se escribiu, o libro reúne a un gran elenco de autoras e autores que se encargaron de investigar o seu traballo e todo aquilo que rodeou a súa figura: desde o seu sexilio case forzado á súa obsesión polo imaxinario relixioso nas súas pinturas ou performances, pasando por unha análise do contexto artístico-cultural no que se desenvolveu.