Estes son os artigos que atopamos. Se non o atopas, escríbenos.
Yo era un chico
Un rapaz de dezaseis anos entra na habitación do hospital onde o seu pai está en coma, rodeado de máquinas. Sabe que ten que despedirse e que é a última oportunidade para contarllo o que nunca se atreveu a dicirlle: quen é realmente, o medo que sempre lle tivo, a vergoña e o desexo. Anos despois, esa conversa imposible convértese en Yo era un chico, a longa carta na que Fer Rivas lle escribe por fin ao seu pai todo o que calou durante a súa infancia e adolescencia.
O libro percorre escenas da súa vida –o colexio, as primeiras amizades, o descubrimento do desexo– e a historia familiar: os avós galegos que emigraron a Barcelona nos anos cincuenta, a fábrica da SEAT, o piso enfermo de aluminosis, o ascenso social e a vergoña de clase que atravesa xeracións. Nese tecido de recordos, a autora tenta entender a súa sexualidade, a súa identidade e a relación cun pai autoritario, ausente e marcado polos seus propios traumas.
Rivas escribe un texto descarnado e valente que nomea as cousas polo seu nome –amor, odio, clase, desexo, medo– e que rompe coa cadea dunha masculinidade asfixiante e herdada, que pasa do avó ao pai e do pai ao fillo. Yo era un chico é á vez carta ao pai, memoria familiar e crónica de como os silencios e a violencia simbólica poden moldear unha vida, pero tamén de como é posible dicir basta e abrir un camiño cara a outra forma de ser e estar no mundo.